Thursday 16 de May de 2024

O Concello preparará a contorna do campo de fútbol para habilitala como área de autocaravanas


A alcaldesa, Mónica Rodríguez, comentou que ‘estamos a observar un incremento na preferencia do turismo itinerante, e daremos resposta con este proxecto’.

O Concello de Vimianzo preparará a contorna do campo de fútbol para habilitala como área de autocaravanas. A alcaldesa, Mónica Rodríguez, comentou que ‘estamos a observar un incremento na preferencia do turismo itinerante, e daremos resposta á demanda con este proxecto’, argumentou a rexedora.
Entre os traballos que se executarán atópanse a dotación de puntos de auga para dar abastecemento ás persoas usuarias, a limpeza e a colocación de sinalización para a correcta ubicación da zona.
O Concello de Vimianzo continúa pola súa aposta polo coñecemento do patrimonio histórico e cultural, un dos máis ricos da Costa da Morte, e plantexa esta nova área de autocaravanas ‘en consonancia coas políticas de mellora das infraestruturas públicas’, aportan desde o Concello.

Continúan as limpezas por todos os núcleos de Vimianzo
A administración vimiancesa sigue a darlle pulo, á súa vez, aos traballos de limpeza e adecentamento de todos os núcleos do municipio ‘tras o parón administrativo que supuxo a crise sanitaria’, comenta a alcaldesa, Mónica Rodríguez. O Concello de Vimianzo continuará tamén coa recuperación de antigos camiños e sendas, así como mobiliario histórico como poden ser o caso dos antigos lavadeiros do municipio.
‘Pedimos paciencia á veciñanza porque non puidemos darlle cobertura na celeridade na que tiñamos prevista a estes traballos, pero continuaremos a darlle pulo tal e como vimos facendo nas derradeiras semanas’, apuntou a rexedora.